A REGATA “CABOS DO NORTE” RECALARÁ DE NOVO EN LAXE.

Dende o 24-07-2020 ata o 27-07-2020

Mañá sábado 25 de xullo sobre as 20:00h chegarán ao porto de Laxe os participantes da Regata “Cabos do Norte”. O domingo 26 de xullo sobre as 12:00h partirán de novo cara Sada.

O Club Náutico de Sada organiza tradicionalmente un dos máis destacados eventos deportivos relacionados coa vela na provincia da Coruña. É a popular e recoñecida regata denominada “Cabos do Norte”, que na edición 2020 celebrase entre os días 25 ao 27 de xullo… con 17 cruceiros en liña de saída.

Este ano a regata volverá recalar no porto de Laxe, e conta para esta edición co apoio decidido do Concello de Laxe, que considera estes eventos deportivos moi importantes para o desenvolvemento turístico da nosa localidade.

É sempre un fito moi importante que o porto de Laxe sexa escollido como escala de regatas deportivas, e especialmente daquelas como a que nos visitará mañá que xa están consolidadas no panorama nacional.

Baixo o lema de “O Bo Camiño a Sada... un Porto Seguro”, a regata “Cabos do Norte” no 2020 disporá destas etapas:

25/ XUL Travesía Marítimo Sada-Laxe
26/ XUL Regata de Cruceiros Laxe-Sada
27/ XUL Clausura e entrega de premios

O Camiño Marítimo de Santiago, do que forma parte Sada, por estar no “ Portus Magnum Artabrorum”, marca a chegada natural do chamado Camiño Inglés… e en xeral daqueles peregrinos que chegan ao norte de Galicia por vía marítima e desexan chegar ata a tumba do Apóstolo Santiago en Compostela.

Os atractivos desta travesía por unha banda e da regata por outra son moitos e variados… entre eles premios ás mellores fotografías, que serán premiadas por un Xurado Artístico.

O Concello de Laxe está a facer unha aposta decisiva por potenciar os deportes náuticos, entre eles a vela, debido a que consideramos que son necesarios para o desenvolvemento turístico do noso municipio.

Así mesmo, estamos a realizar traballos de investigación para coñecer a vinculación do noso municipio cos camiños marítimos de Santiago, debido a que tesouros monumentais como a Igrexa da Atalaia de Laxe, a Casa do Arco, a igrexa de Santiago de Traba, o desaparecido hospital de peregrinos, ou o tamén desaparecido Alfolí da localidade… poden ser evidencias históricas que vinculen o noso municipio e o noso porto con algúns dos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal