PROGRAMACIÓN CULTURAL LETRAS GALEGAS 2019

Dende o 09-05-2019 ata o 31-05-2019

PANEIS INFORMATIVOS E INFORMACIÓN DO AUTOR HOMENAXEADO

A partir do día 15 de maio, na Biblioteca-Salón de Actos Culturais Municipais, teremos expostos os paneis informativos que a Xunta de Galicia nos fixo chegar este ano con motivo de homenaxear e informar sobre o autor das Letras Galegas deste ano, Antonio Fraguas Fraguas.

Será visitable no horario de apertura da Biblioteca.

Así mesmo, teremos á disposición de toda persoa interesada diferentes guías en formato papel e dixital e algúns exemplares da bibliografía do autor que durante todo o mes de maio, a partir do día 15, estarán dispoñibles para a súa consulta.

INICIATIVA "SEMENTANDO LIBROS"

O venres 17 de maio ás 12 horas, na Praza de Ramón Juega, o Departamento de Cultura repartirá exemplares gratuítos da obra de Sechu Sende: "Made in Galicia", fonte de inspiración para a representación teatral que teremos no noso concello ó día seguinte, o sábado 18. Serán repartidos por orde de chegada ata agotar existencias.

Así mesmo, dándolle continuidade á iniciativa de fomento da lectura e intercambio de libros xa consultados que iniciamos no noso concello fai 2 anos, teremos á disposición diferentes exemplares bibliográficos para "ceibalos" e que sexan lidos noutras moitas ocasións.
Neste caso, trátase de libros usados. Cada persoa poderá coller un destes libros coa finalidade de poder disfrutar da súa lectura e que logo poderá volver a ceibar entre outra persoa que coñeza ou devolvelo á biblioteca municipal para que poida ser recollido por outra persoa.

OBRA TEATRAL DE REFLEXIÓN SOBRE A PROPIA LINGUA: "LANGUAJE PLANING"

A compañía Quinquilláns, volve a Laxe para presentarnos a obra teatral "Languaje Planing".

OS QUINQUILLÁNS TEATRO


É unha compañía que leva desde 1989 facendo teatro para todo tipo de públicos con espectáculos de sala e tamén montaxes de rúa, pasarrúas, festividades históricas, entroidos, espectáculos ad hoc... Desde 2014 é a compañía galega especializada en visitas teatralizadas para todo tipo de espazos e temáticas: o Castelo de Vimianzo, o PAAR Campo Lameiro, emprazamentos en vilas como A Guarda, Rianxo ou Ribadeo, as Torres do Allo en Zas, o dolmen de Dombate, o banquete de Conxo en Santiago, a ruta rosaliana en Bastavales, o Castelo de Moeche, o mosteiro de Moraime en Muxía... Para a Editorial Galaxia, a compañía produciu “Espantallo Amigo” de X. Neira Vilas e “Cousas” de Castelao, con grande éxito nas centos de funcións realizadas en teatros, auditorios e centros escolares de toda Galicia.

OBRA TEATRAL

Membros da LP, Language Planning, chegan a Galiza para acabar co seu conflito lingüístico mediante o exterminio da CL, Conflicting Language, tentando impoñer unha nova orde lingüística mundial. A pesar do traballo feito pola LP ao longo da historia e da súa determinación por rematar co problema, as dificultades medran día a día. As T.R, Tribos da Retranca, resultan impredicibles e a imposibilidade de guialas polo camiño marcado enche de contradicións o obxectivo de volver á base da LP co problema solucionado.

MADE IN GALIZA DE SECHU SENDE
Máis dunha década despois da súa aparición, Made in Galiza converteuse nun clásico da nosa lingua, da nosa sociolingüística, con presenza en milleiros de centros de ensino, fogares e librarías. Os relatos de Sechu Sende van xa pola súa 12ª reimpresión e non deixan de ser lidos. Porque Made in Galiza é un libro que procura a fórmula da liberdade na punta da lingua. Un libro de historias orixinais como cada unha das persoas e dos pobos que coñecemos ou soñamos: únicos. Un libro que conta contigo para ler o mundo con palabras que tamén son túas. Un libro difícil de soñar, como a vida mesma.

O espectáculo Language Planning é unha montaxe teatral participativa a cargo da compañía e, como en anteriores traballos, destaca polo seu carácter cómico e retranqueiro. Deste xeito a risa emprégase como ferramenta para tratar distintos aspectos da lingua e o seu desenvolvemento na práctica cotiá.

FICHA TÉCNICA DA OBRA


Título: Language Planning Elenco: Lucho Penabade, Tero Rodríguez

Vestiario: Olga Vieites Escenografía e atrezzo: Os Quinquilláns

Deseño de iluminación: Ángel Ramallo

Texto, dramaturxia e dirección: Os Quinquilláns

Duración do espectáculo: 50 minutos

Portal cidadán de Laxe © by Abertal