VI CONCERTO MARÍTIMO DE LAXE

Dende o 08-08-2019 ata o 19-08-2019

O Concello de Laxe e o Clube Marítimo de Laxe organizan o VI Concerto Marítimo de Laxe, no que, entre outros, participarán o pianista internacional Javier Vázquez Grela e o catedrático Jorge Mira.

CURRÍCULO JAVIER VÁZQUEZ GRELA

Pianista nado en A Coruña –cidade onde inicia os seus estudos musicais no seu conservatorio profesional- García Grela terminou a carreira en 1995 coas máximas cualificacións e a partir dentón desenvolve unha ampla actividade como solista, acompañante e en formacións de cámara. Trasládase posteriormente a Barcelona para estudar na Academia Luthier co pianista Antonio Ruiz Mellado, obtendo ao final dos seus estudos e por unanimidade do xurado o diploma de Concertista Cum Laude. Desde 1998 é pianista acompañante por oposición do Conservatorio Profesional de Música de A Coruña.
Ten actuado en salas de concertos e auditorios de Galicia, Aranjuez (Auditorio Isabel de Farnesio), Boadilla del Monte (Madrid), Barcelona (Casa Elizalde, Centro de Música Contemporánea), León (Fundación Eutherpe), Zaragoza (Sala Luís Galve) Valladolid, Lisboa Ámsterdam, Utrecht, en varias cidades de México (a destacar o concerto no Museo Nacional de Historia en México DF), Londres (St Dunstan in the west), París (Notre Dame de Compassion), Museo Franz Liszt de Budapest e Museo Rimsky-Korsakov de San Petersburgo, e na cidade de Tokio.

JORGE MIRA EN PRIMEIRA PERSOA

"Nacín en Baio (A Coruña), porta grande da Costa da Morte. Licencieime en Física en 1991 e dediqueime ao estudo do ferromagnetismo débil e á influencia do tamaño no magnetismo de materiais. Sobre ese tema tratou a miña tese doutoral, defendida en 1995.

Actualmente son catedrático da área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. A miña investigación versou ademais sobre nanotecnoloxía, anisotropías en films de vidros metálicos e  propiedades eléctricas e magnéticas de materiais con estrutura de perovskita. Estes materiais, á parte de constituír unha paradigma no estudo das correlacións entre propiedades eléctricas e magnéticas en sólidos, teñen importantes aplicacións tecnolóxicas, dadas as altísimas magnetorresistencias que presentan nalgúns casos. Este traballo deu lugar a liñas de investigación posteriores en propiedades termoeléctricas, dieléctricas e magnetodieléctricas en sistemas relacionados, así como outros deseñados na base de estruturas metálico-orgánicas (MOF).

Tamén me dedico ao estudo da dinámica de competición de linguas (con traballos que foron destacados en diferentes foros, como no Technology Review do MIT ou na selección semanal da American Physical Society) e á mellora de técnicas de imaxe médica con baixa radiación. En 2016 fun elixido académico correspondente da Real Academia Galega (da lingua). En 2018 o Goberno de España nomeoume membro da comisión de expertos para a reforma da hora oficial; o informe elevouse ao Consello de Ministros medio ano máis tarde.

De cando en vez escribo artigos en revistas científicas sobre outro tipo de temática, como cálculos anecdóticos das temperaturas de ceo e inferno (en Physics Today e Nature, con ecos en múltiples lugares, como as revistas Time, New Yorker, New Scientist ou Der Spiegel), a loita para a determinacion da lonxitude xeográfica ou personaxes como José Echegaray e Domingo de Soto.

A finais dos anos 90 empecei a realizar actividades de divulgación científica, que desde entón levei a cabo en televisión, radio e prensa, así como coa organización de actividades como o Programa Conciencia.

En prensa, escribo artigos para La Voz de Galicia."

 Podes atopar máis información dos seus múltiples premios e recoñecementos no seguinte enlace:

http://webspersoais.usc.es/persoais/jorge.mira/

Portal cidadán de Laxe © by Abertal