18/07/2019 O CONSELLO DE GOBERNO DA XUNTA DE GALICIA APROBA ESTE XOVES 18 DE XULLO DE 2019 O DECRETO DE DECLARACIÓN DE BIC PARA O ARQUIVO FOTOGRÁFICO VIDAL

Para todos os que integramos o Concello de Laxe é un pracer informarvos de que o Consello da Xunta de Galicia acaba de aprobar este xoves 18 de xullo de 2019 o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural de Galicia o Arquivo Fotográfico Vidal.

Xa é definitivo e para sempre o Arquivo Fotográfico Vidal queda declarado Ben de Interese Cultural de Galicia e do estado español.

O Concello de Laxe é titular dun arquivo fotográfico abraiante, que debe ser respectado, difundido e protexido a tódolos niveles polo valor social, cultural, histórico e artístico ten para a Costa da Morte e para toda Galicia.

Na nota de prensa posterior ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia, dise:

“O CONSELLO DA XUNTA APROBA DECLARAR BEN DE INTERESE CULTURAL O ARQUIVO FOTOGRÁFICO VIDAL, REFERENTE NA COSTA DA MORTE

Recoñécese así o seu valor cultural sobranceiro deste fondo composto por preto de 60.000 fotografías e establécense medidas para a súa salvagarda e valorización, xa que constitúe un testemuño gráfico e documental de moito interese

O Consello da Xunta vén de declarar ben de interese cultural (BIC) o Arquivo Fotográfico Vidal, situado no Museo do Mar de Laxe (A Coruña), a raíz do informe realizado pola Consellería de Cultura e Turismo que dá conta da relevancia histórica, artística e documental deste fondo.

O decreto implica a súa máxima salvagarda e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

Neste sentido, permitirase o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración autonómica para a realización dos informes necesarios para a súa conservación; e establecerase un réxime de visita para o público de, polo menos, catro días ao mes.

Este arquivo, catalogado por temáticas e ámbitos xeográficos que abranguen as comarcas de Soneira e Bergantiños, realizadas por Plácido Vidal Díaz e José María Vidal García, pai e fillo respectivamente, desde finais do século XIX ata os anos 70 do pasado século, constitúe un testemuño gráfico e documental de moito interese para coñecer os costumes, a paisaxe, os oficios, a pesca, a vida política e social ou a moda desta zona da Costa da Morte.

Integrado como fondo singular no arquivo municipal de Laxe, está formado por 43.475 fotografías en soporte plástico, 5886 fotografías en vidro e 10.306 en papel, o que supón un total de 59.667 fotografías.

Sobresae a súa importancia como fonte de información, tanto para a realización de estudos da evolución da propia técnica ao longo do tempo como para a realización de estudos de historia económica, política, social ou da historia da arte.

Protección do patrimonio

Galicia conta cun rico patrimonio cultural constituído por bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, deben ser estudados e considerados para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo.

As políticas impulsadas desde o Goberno autonómico están a permitir que nos últimos anos este patrimonio sobranceiro manteña un bo nivel de salvagarda.

Neste sentido, nos últimos meses houbo importantes avances na declaración de elementos singulares da nosa Comunidade como ben de interese cultural, aos que se lles outorgou un grao de protección especial, como a Cova Eirós, as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, a ampliación dos muíños do Folón e do Picón ou a Ribeira Sacra o ano pasado.”

Foi un camiño longo para a salvagarda deste fermosa arquivo realizado por dous ilustres laxenses: Don Plácido Vidal Díaz e Don José Vidal García, a quen lles debemos coñecer o noso pasado máis recente.

Un arquivo no que estamos representados todos, e nos que están gardadas as escenas e as imaxes dos nosos devanceiros máis achegados.

Un arquivo do pobo e para o pobo, en definitiva, un patrimonio visual do que sentirnos orgullosos, e que nesta ocasión non emigrou a outras terras senón que fica na súa para sempre.

Ligazón: https://www.presidente.gal/c/document_library/get_file?folderId=1276977&name=DLFE-34716.pdf

Laxe, 18 de xullo de 2019.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal