Benqueridos veciños/as,
Estamos a ver como tódolos ámbitos da nosa sociedade estanse a ver afectados pola crise do COVID-19. Desde o ámbito familiar ao laboral, pasando desde logo polo sanitario e o económico. Todo iso converte a esta crise nun desafío para a sociedade no seu conxunto.
E a nivel persoal e humano, tamén resulta crucial sentirse acompañados e unidos ao resto dos veciños para mitigar a separación e soportar a incerteza. Estamos ante unha crise incerta que nos obriga a adaptarnos o máis axiña posible á evolución da expansión do COVID-19.
Como alcalde de Laxe sinto unha responsabilidade para cos meus veciños que son o motivo do noso traballo diario, sen esquecer a aqueloutros veciños que están na emigración noutros lugares do estado e do mundo. Quero que saibades que o meu equipo de goberno e máis eu estamos traballando tódolos días para tomar as mellores decisións para a nosa xente.
Con este fin e para facer fronte a esta adversidade sobrevida, vémonos obrigados a por en marcha novas formas de traballo e modelos de flexibilidade e conciliación para frear os contaxios e o avance da enfermidade, tendo sempre como obxectivo primordial a seguridade e saúde dos nosos veciños.
Para lograr este obxectivo, aproveitaremos as capacidades e ferramentas dixitais das que dispoñemos que son, neste momento de incerteza, o noso mellor aliado para que a actividade administrativa municipal non se pare e os nosos veciños non queden sen atención.
Por esta razón, haberá no concello unha persoa de garda durante a vixencia que dure a alarma imposta polas autoridades sanitarias, coa que poderedes contactar se tedes calquera urxencia a través do teléfono xeral do Concello de Laxe que é o 981706903 de luns a venres de 9:00 a 14:00h.
Lembrade ademais que calquera trámite administrativo podedes realizalo a través da sede electrónica do concello (https://sede.laxe.es/opencms/gl/), e que o Facebook e a Web municipal do Concello de Laxe estarán activas para facervos chegar toda a información que precisedes durante o período de alarma.
Como podedes ver pechamos o Concello de Laxe de forma presencial, pero continuamos sempre aí para axudarvos en todo o que sexa de competencia municipal e para que saibades que non estades sos, e que podedes seguir contando connosco neste momento de inquedanza. A nosa meta é protexer ao máximo a saúde dos nosos veciños, á vez que aseguramos a continuidade do servizo.
Esta nova medida súmase ao resto de medidas que xa tomamos no referente á cancelación de actividades culturais, deportivas, turísticas, de lecer e tempo libre, o peche de locais municipais, a suspensión de reunións e eventos, e a adopción de medidas básicas de prevención e hixiene, entre outras.
Neste contexto que estamos a vivir como consecuencia do brote do COVID-19, o noso compromiso cobra máis sentido que nunca. Quero por iso manifestar a tódolos nosos veciños e tamén aos empregados municipais a miña gratitude polo seu esforzo e compromiso nestes momentos. E en especial á policía local, membros de protección civil, operarios de servizos múltiples, e as auxiliares de axuda no fogar que continuarán desempeñando o seu traballo diario para garantir a seguridade, a saúde e o confort de tódolos veciños/as deste concello. Grazas polo voso esforzo a prol do benestar da veciñanza.
Como alcalde de Laxe e en representación de todo o concello desexo transmitir a todas as persoas afectadas polo COVID-19 o noso desexo dunha pronta recuperación. Moito ánimo para os seus familiares e amigos. Tamén queremos mandar un recoñecemento especial a todo o persoal sanitario de España que nestes momentos de incerteza, tranquilízanos saber que eles sempre están en primeira liña para protexernos a todos.
Por último, animo a toda a veciñanza a seguir as instrucións ditadas polas autoridades sanitarias, e en caso de ter algún síntoma contactar co 061, co teléfono de información para a cidadanía 900 400 116 ou consultar a páxina do Ministerio de sanidade (https://www.mscbs.gob.es/), ou da Xunta de Galicia (https://coronavirus.sergas.gal/).
Tamén dispoñedes dos seguintes teléfonos no caso de precisar axuda durante o período de alarma: Emerxencias (112), Garda Civil (062), Policía Local (646950830), Protección Civil de Laxe (646950834).
O Concello de Laxe solicita e agradece á veciñanza a máxima colaboración, e iremos adaptando estas medidas segundo á evolución da pandemia do COVID-19 e informaremos de cada variación que se poida producir respecto das mesmas.
Así mesmo, o Concello de Laxe quere enviar á veciñanza unha mensaxe tranquilizadora e insta a que se sigan as medidas e as recomendacións establecidas pola Xunta de Galicia, polo Ministerio de Sanidade e polo Goberno Central. Coa vosa inestimable axuda, empatía e esforzo conseguiremos superar esta alarma e saír reforzados e unidos desta crise.
Laxe, 16 de marzo de 2020.
O voso alcalde
José Luis Pérez Añón.-
<< | < | Xaneiro de 2021 | > | >> | ||
---|---|---|---|---|---|---|
L | Ma | Mé | X | V | S | D |
1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27 | 28 | 29 | 30 | 31 |